8/3/09

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA


Hoxe celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora, e como pequena homenaxe deixámosvos este texto de Olga, do CEIP Milladoiro - Malpica que podedes ler a continuación:

Anos cincuenta. Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ó taller no que serán aprendizas e logo, se lles aproveita o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de produción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... están nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (A miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes) Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ó volver ás súa, coserán toda a roupa da familiar.

O seu traballo ten ademais un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos supoñen unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... ¡non hai peza que se resista!Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Auténticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.

Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche, do piso recén adquirido, pagar... Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas estranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á produción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.

Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da confección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.

CEIP MILLADOIRO, Malpica.


Seguro que nas vosas familias tamén existiu ou existe algunha costureira, aproveitade esa historia para escribila e compartila con todos nós estarémos esperándoa na biblioteca.


1 comentario:

olga dijo...

Eso...: a ti ¿quen che facía a roupa?
Sairán fermosas historias.
Bicos