28/10/07

RELATOS DE MEDO NA CIDADE FANTASMA


O certame de relatos de medo deste ano xa está convocado:

"Un día na Cidade Fantasma"

Observade ben a ilustración desta cidade e dos seus habitantes, situada na corcheira da biblioteca.

¡Animádevos a participar! ¡Haberá agasallos para todos os participantes!

26/10/07

"AS ESFOLLADAS"


Acompañando aos froitos quixemos destacar un cereal moi importante en Galicia :
O MILLO.
Quixemos lembrar tamén “AS ESFOLLADAS” unha tradición que algúns alumnos e alumnas ainda ven nas súas casas, coas variantes propias da actualidade:

Antigamente a xente moza xuntábase nun lugar da aldea, para sacarlle o follato as espigas de millo. Ademáis acompañábase este labor con cantigas e xogos.
Cando aparecía unha espiga raíña (de gran vermello), para a moza ou mozo que a atopaba era sinal de boa sorte.

Fixemos traballos plásticos coa espiga de millo, e contando coa colaboración das familias, temos unha pequena mostra das partes da planta , fariña e xoguetes feitos coa espiga ou cos carolos de millo.


ANIMÁDEVOS A LER ESTAS CANTIGAS :

AS ESFOLLADAS

Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

Rosalía de Castro


A ESFOLLADA

De día apañouse o millo
e carrexouse para casa .

De noite veñen veciños
para axudarnos a esfollada.

Contos, cantigas, silencios.
nalgúns momentos a baralla
xoga a birisca ela soia
e no lar brincan as cartas.

Meu padriño enrestra espigas
das máis grandes e douradas.

Ventea na haminea
e entra o silencio na casa.

Darío Xohán Cabana

A FESTA POPULAR EN GALICIA - ANTONIO FRAGUAS
PUBLICACIÓNS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

25/10/07

EXPOSICIÓN DO OUTONO


Desde hai anos no noso colexio, por esta época , temos a exposición “TEMPO DE OUTONO” que coordina o ENL.


Todos os niveis de Infantil e Primaria colaboran para crear pequenas mostras das diferentes actividades que forman parte do noso entorno , e que vos iremos contando a través deste blog.

Hoxe, queremos mostrarvos o “RECUNCHO DOS FROITOS DE OUTONO”

Animámosvos a que a visitedes, e queremos agradecer dende aquí , a todos os alumnos e alumnas que aportastes os froitos para que formasen parte da exposición.


Este ano como curiosidade , diremos que probamos “novas especies”coma os kiwiños, os nanis e os nísperos do país.

24/10/07

"APRENDER MÁIS E MELLOR DENDE A BIBLIOTECA"

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES





Hoxe é o Día das Bibliotecas Escolares e no noso centro quixemos celebralo con diferentes actividades:



  • Elaboración dun cartel, con imaxes de membros da comunidade educativa usando a biblioteca escolar, co lema elexido este ano :

"Aprender máis e mellor dende a túa biblioteca"



  • Exposición de carteis anunciadores deste día



  • Lectura da adaptación do conto "A Ratiña Bibliotecaria".



  • Exposición dos debuxos do conto.



  • Reparto polas clases de marcadores de páxinas, regalados por Don Moucho, a nosa mascota.


¡Bo día das Bibliotecas Escolares para todo@s!

22/10/07

O OUTONO EN INGLÉS


Este ano chegaron ao noso centro dende Londres, Alexander e Charlie.Son dous irmáns cos que estamos aprendendo moito da cultura inglesa. É a primeira vez que ven o outono galego e esto foi o que nos escribiu Alexander, alumno de 4º de Primaria.


AUTUMN


All the leaves falling off the trees,

all is brown and gold.

Everyone harvesting grapes, corn, wheat, pepper and figs.

Cold, mist and frost not going until eleven o´clock.

Scarves, coats and hats, all out.

Getting colder, all the time.

Very few fruits batteling to the winter.

Chestnuts all over the ground.

Mornings darker, days shorter.

Winter is coming

21/10/07

LER AO DEREITO. O DEREITO A LER


"Ler ao dereito.O dereito a ler", foi o lema das "Xornadas de Bibliotecas escolares", ás que asistimos este fin de semana os profes Lucía, Adrián, Mar e Bea.

Reflexionamos sobre a lectura, compartimos intereses e experiencias con outros profes, interesados tamén polas bibliotecas.
Vimos cargados de ideas e proxectos , así que ¡preparádevos !

18/10/07

POEMAS PARA A VENDIMA


Dende o Equipo de Normalización Lingüistica, lévase a cabo , dende fai xa anos, a recolleita de refráns, adiviñas, receitas...relacionados co outono e as súas festas.Todo o noso alumnado comenza a investigar neste tempo preguntando aos seus pais e nais, avós e avoas...Os resultados seguen sendo moi bos.


Hoxe propoñémosvos a lectura de varios poemas relacionados con esta época.



AS UVAS

Os ananos do outono
pintan as uvas.

Os rapaces axexan
as máis maduras.

Tamén os gorrións
revoan entre as cepas
de dous en dous.

Pura Vázquez

O libro dos cen poemas –Xosé María Álvarez Cáccamo /Marisa Nuñez




DESPOIS DE VENDIMAR

No carro ven a tinalla, cheiña a non poder máis;
detrás, as vendimadoras, a rir, collidas das mans.

O carro ven derradeiro, chirra que te chirrarás.
e por riba do rinchido rompe unha moza a cantar:
lévame no carro , leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro , leva comerei das máis maduras.

Recollen a copra os pinos de vagoroso fungar,
os pinos rexos, trufantes de agres salseiros do mar.
costa arriba , costa abaixo, o carro chirra ó compás
e o cantar brinca de novo engadido no alalá:

Carreteiriño das uvas
déixame subir ao carro;
carreteiriño das uvas
eiche pagar o traballo.

Terra do Salnés , outono. A caída do serán .
Os carros na corredoira, chirra que te chirrarás.

Ramón Cabanillas ( adicado ás vendimadoras do val do Salnés)


15/10/07

XOGANDO COAS LETRAS CON LAURA DEVETACH


A arxentina Laura Devetach (Reconquista, Santa Fe, 1936) é unha das poetas máis divertidas e xeniais da poesía infantil en español.Regálanos palabras que nos fan chegar olores,respiran, ríen, bailan…Gústalle pór especial atención aos xogos lingüísticos, incluidos os xogos coas mesmas letras, como este poema que vos trouxen, moi propio para a época na que estamos.

OTOÑO

El león ruge.
Rodando llega el otoño
sobre ruedas de tres O
las uvas y las manzanas
dejan pálido al melón.
La vaca muge.
Rodando pasa el otoño
con muy pocas golondrinas.
Chisporrotean fueguitos
madurando mandarinas.
El león ruge
la vaca muge
el secreto del otoño
se descubre porque cruje.

Se queredes saber máis sobre Laura Devetach
podedes visitar:
http://www.imaginaria.com.ar/02/1/devetach2.htm

4/10/07

LIBROS PARA CONTAR



A campaña de animación á lectura deste ano, iniciouse coa sesión de contacontos que veu da man da editorial Kalandrakaque.Nestas sesións mestúraronse os contos coa música de instrumentos autóctonos.

Sandra , Iria e Luis fixéronnos disfrutar duns momentos inolvidables.Especial foi o momento do conto do Rato Pako, contado ao mesmo tempo en galego , en inglés e en “acordeónico”, como nos dixo Luis.

¡Grazas aos tres por contarnos eses contos dun xeito tan especial!