23/11/09

A IGUALDADE COMO SOLUCIÓN



A igualdade é unha boa solución contra a violencia de xénero. Propoñémosvos a lectura da seguinte historia , recollido polo Servizo Galego de Igualdade, para que logo reflexionedes.

Hai unha gata salerosa

que traballa cun camión,

conduce case todo o día

levando caixas á estación.

O seu home é un gato

que traslada a diario

peixe fresco e conxelado

para gañar o salario.

Ela non ve nin un euro

pois todo o garda el,

dálle moi xusto o diñeiro...

non goza nada del..

Chegan á casa á vez,

cansa ela e canso el,

deben facer a comida,

lavar, poñer o mantel,...

A gata xa fixo as compras

cando viña polo camiño,

o gato só trae un saco

co seu mono ben porquiño.

O gato, en zapatillas

senta no seu sillón,

colle o mando, dálle á tecla

e prende a televisión.

A gata mentres tanto

non para un segundo:

pela, corta, lava, frite,

limpa e frega,... todo xunto.

O gato goza arreo

vendo nese televisor

un programa de concursos

no que gañan un tambor.

A gata moi esgotada

limpa o po, varre o chan,

coloca ben a neveira,

e desconxela o pan.

Pronto o gato ten fame

- Gata tráeme un bocadiño!

A gata está farta, xa sabes,

mais prepara un xureliño.

O gato aínda protesta

porque está cru de máis,

e berra á pobre gata:

- Non o probaches quizais?

-Timbran á porta!- di o gato

berrando dende a butaca,

el non abre e vai a gata

pelando nunha pataca.

- Pásalle o ferro ao meu traxe

que o quero poñer mañá!

Non fai falla tanto tempo

para darlle a cea a mamá!

Á gata, que non para,

dóelle até o peroné,

o gato escoita un barullo:

- Está chorando o bebé!

A que non sabes quen

lle cambia o cueiro ó bebé?

A gata, claro, pois claro,

o gato non move un pé.

Por que non traballa o gato

se é tamén a súa casa?

A gata non para un intre,

sabes ti que é o que pasa?


Texto: Azucena Arias



Despois de ler o texto, seguro que xa descubriches as diferenzas entre o gato e a gata.Como resolverías esa discriminación? Fainos chegar as túas propostas.






1 comentario:

Bibliobelesar dijo...

Que poema tan significativo, e ilustrativo. Grazas por compartilo nestes días en que nos acordamos da Igualdade coas mulleres.
E moitos bicos dende Belesar!