Xa vos contamos que este ano os rapaces e rapazas de 3ºB escenificaron "O LOBISHOME", de Paula Carballeira.Puxémonos en contacto con ela pero foille imposible. Ela mandounos varios correos electrónicos desexándolles boa sorte e incluso un ramo de flores que presidiu o escenario.Non estaba presente físicamente pero no ambiente era como se estivera con nós.
Hoxe mandounos unha carta moi especial que queremos compartir con todos vos
CARTA ÁS ALUMNAS E AOS ALUMNOS DE 3ºB
Houbo unha noite na que imaxinei unha historia. Quería que esa historia tivese vida, vida de verdade, máis alá do papel, por iso a contei nunha obra de teatro. Pero o teatro, se ninguén lle fai caso, queda pechado nos libros e pode morrer alí de aburrimento. Cando alguén coma vós decide que os personaxes teñan cara, teñan corpo, e que haxa un público que se divirta, que ría e teña medo, é toda unha alegría. Eu estou alegre, tanto, que querería saltar ata as nubes, bailar e cantar a pleno pulmón (aínda que canto fatal e pode chover moito despois). Querería darvos as grazas, apretarvos as mans e dicirvos que son a vosa amiga para sempre. Algún día irei visitarvos, mentres, envíovos esta carta e a promesa de amizade eterna, que vén sendo así:
Prometo ser amiga para sempre
prometo que nada fará que me arrepinta
prometo que se vides visitarme
sempre terei a casa limpa
prometo facer unha empanada
e un pastel e unha torta
para que vexades que o digo de verdade
e chuchedes os dedos
e me convidedes axiña
á clase de 3ºB
á clase de 3ºB
que xa é amiga miña.
Moitos bicos, apertas e achuchóns
Paula
1 comentario:
Parabéns por esa fantástica actividade, sobre todo aos rapaces de 3º
Publicar un comentario