16/5/08

EXPOSICIÓN: "A ESCOLA NOUTRO TEMPO"


Hoxe abrimos a exposición “A ESCOLA NOUTRO TEMPO” ,e xa foi visitada pola tarde por moitas familias. Poderase visitar todos os martes de 5,30 a 6,30 ata finais de curso.

O obxectivo será que os nosos rapaces e rapazas coñezan as semellanzas e diferenzas da escola entre anteriores xeneracións e aprendan a valorar as posibles melloras ou apreciar aspectos que deberiamos recuperar hoxendía.
O alumnado coñecerá como a lingua galega estivo prohibida na escola dos seus avós e avoas.

Nesta exposición poderemos atopar diferentes recunchos.
No primeiro hai fotografías escolares individuais e colectivas desde o ano 1910 ata a década dos 80, nas que o noso alumnado pode descubrir aspectos impensables no tempo actual: separación de clases por sexos, como todo o alumnado compartía a mesma aula sen ter en conta as idades, como nas fotos aparecen novos avances que ían xurdindo na sociedade ( a máquina de escribir, o teléfono, a televisión... )

Noutro recuncho atopamos material escolar de principios de século: pizarras, pizarríns, tinteiros, plumiñas, secantes, diferentes tampóns, compás,... Poden contemplar unha completa recopilación de libros, cartillas, cadernos, caligrafías e útiles de escritura cos que os nosos avós realizaban as actividades escolares.

Outro apartado está adicado ao material deportivo desde os principios das concentracións escolares no Concello.Xunto a estos aparecen tamén xogos e xoguetes de diferentes épocas, algúns esquecidos ou a piques de esquecer.

Por todo o percorrido atopamos libros e cadernos desde principios do século XX , un pupitre e a mesa do mestre ou mestra das antiguas unitarias. Tampouco falta o globo terráqueo ou esfera, sobre a mesa do profesor.

Con esta mostra queremos recuperar, conservar, estudar e mostrar producións e bens de interese para a historia da educación e a memoria da nosa Comunidade Educativa.






2 comentarios:

Xan dijo...

Que boa idea e que ben levada a cabo.
Xa setou pensando en facer algo semellante o vindeiro ano...
Unha aperta dende Viveiro.
Xan

Biblioteca CEIP Campomaior. Ordes dijo...

Fantástica exposición e fantástico traballo! Noraboa a todo o equipo e un saúdo especial para Bea. Vicky