26/6/09

LECTURAS REFRESCANTES PARA O VERÁN





Non te esquezas de reservar un espazo na túa maleta para un libro.
Á sombra dunha árbore, na piscina, no río ou na praia... calquera sitio é bo para saborear unha boa lectura.
Fala coa túa familia ou amigos sobre as lecturas, PORQUE UN LIBRO LIDO TAMÉN DEBE SER COMPARTIDO.


REFRÉSCATE COA LECTURA!!!

FELICES VACACIÓNS!!!


25/6/09

CALENDARIO ILUSTRADO DE XULLO E AGOSTO

Rematamos o curso....
e queremos despedirnos
lembrando que
nos meses de xuño e agosto
poderemos disfrutar coas nosas familias
de moitas festas
nas nosas parroquias.

Os alumnos e alumnas de 6ºb
ilustraron así de ben
os meses
de xullo e agosto.

Atendede ben!!!

Xullo:
Adicado á parroquia de Xinzo






Agosto:
Adicado ás parroquias de Arnoso
Areas, Moreira , Xinzo e Ponteareas.





AMPLÍA AS FOTOS E ENTÉRATE DAS FESTAS QUE NOS PROPOÑEN!!!

SEGUIREMOS EN SETEMBRO!!!

23/6/09

DOCUMENTÁMONOS SOBRE INGLATERRA E XAPÓN

Xa tiñamos elaborados os nosos libros sobre estos países pero faltaba expoñerllo aos nosos compañeiros.É importante saber documentarse e recoller a información pero tamén
facer a exposición oral deste traballo ante os nosos compañeiros e compañeiras.

Cantos nervios!!!

19/6/09

EXPOSICIÓN NA RÚA




Como xa anunciabamos na revista Carreiro,

levamos a exposición do noso colexio

“O alfombrado paso a paso”ata a rúa dos Ferreiros

para acompañar o traballo do alfombrado deste ano .

Estamos moi satisfeitos desta Experiencia.

Durante toda a noite e pola mañá, gran cantidadede de xente se paraba a observar o panel e sentíamos que o noso obxectivo de colaborar na difusión desta fermosa tradición, estaba logrado.

Por certo, fai moi pouco acadou o recoñecemento de

Festa de Interese Turístico

Internacional!!!


18/6/09

AGRADECEMENTOS AOS AXUDANTES


Hoxe despedimos aos nosos axudantes de biblioteca. Que mellor maneira de agradecerllo que agasallándoos cun libro a cada un.Foron moitos recreos que tiveron que sacrificar para poder axudarnos, por esto e por todo o traballo MOITAS GRAZAS!!

SORTE PARA O INSTITUTO!!!

14/6/09

DESPEDIDA E PECHE DO CLUB DE LECTURA





O pasado mércores, pola tarde, fixemos a “Despedida e peche “ata o vindeiro curso do noso Club de Lectura .
Foi unha xuntanza para avaliar un pouco esta nova experiencia polo que aproveitamos tamén para facer un mural cos personaxes que máis nos gustaron, dos libros lidos no club.

Os comentarios en xeral foron moi positivos, pero o máis importante de todo é que fixemos un grupo de amigos, de xente que nos gusta ler e charlar, de pasalo ben e divertirnos xuntos.

O Club serviunos para facer da lectura algo máis interesante todavía. Engadímoslle ao placer de ler, o placer de xuntarnos para charlar do lído. Gracias a isto aproveitamos ao máximo cada lectura, sacándolle moitísima máis miga do que lle podemos sacar a un libro individualmente. Charlamos e aprendimos da literatura, e puidemos ler cos ollos doutras persoas, coa riqueza que esto conleva.

Foi sobretodo unha actividade cultural amena, divertida e moi enriquecedora.
Querémosvos dar as grazas a vos que viñéchedes ás reunións a compartir as vosas experiencias co resto dos clubistas.

O grupo de profesoras, que vos acompañamos nesta viaxe este ano, estámosvos moi agradecidas, porque conseguíchedes que nos sentiramos felices de pertencer a este Club de Lectura.

Grazas por facelo posible.

Esperamos volver a veros pronto.

Xa nos contaredes que tal vos saiu o bizcoito de chocolate, e non vos olvidedes, entre bocado e bocado lectura.


12/6/09

VISITA DE ANA DENDE ECUADOR







Esta semana visitounos Ana, a avoa de Laura e Ana, para falarnos de Ecuador, das diferencias entre a costa e a serranía, das Illas Galápagos, das diferentes culturas que conviven, das riquezas do país como son o ouro, a plata e o petróleo…

Tamén nos falou das festas que alí celebran e sobre todo da festa das Frores e as Froitas de Ambato, festividade que lle lembra a do noso Corpus. Ambato, terra de frores e de froitas, onde a característica principal son as comparsas culturais, onde se leva a cabo o desfile de carros alegóricos, decorados con frores e froitas da zona.Esta festividade coincide co Entroido.

Xa sabemos que os colores da bandeira son o amarelo polo sol, o azul polo mar e o vermello pola sangre dos que loitaron.

Comentounos sobre as escolas e as diferenzas coa nosa.Hai dous tipos as fiscais, que serían as públicas, e as laicas. Durante a Primaria hai un único mestre para todas as asignaturas, e é na secundaria cando comenzan a ter especialistas.Na maioría das escolas levan uniforme.Nas escolas celébrase o”Día da Independencia de Cuenca”, o día do Medio Ambiente e o Día da Bandeira , entre outras.

O que máis nos gustou a todos foi saber que alí teñen, na primeira semana de xuño, a Semana do Neno, durante este tempo as empresas agasallan aos nenos e nenas nos colexios cos seus productos, as librerías, as empresas textis, laboratorios…

Debido á elevada poboación nas escolas hai varios turnos, o de mañán e o de tarde.Entre as asignaturas que teñen están Matemáticas moderna, estudios sociais e cívica.O tempo de vacacións é o mesmo, pero non coinciden as estacións polo que estudan no verán e teñen as vacacións no inverno.Ata nos trouxo unha foto das súas netas co uniforme da escola a que ían. Estas e moitas máis cousa foron as que aprendimos de Ecuador.


Grazas Ana pola súa colaboración!!!





5/6/09

CARTA DE PAULA CARBALLEIRA





Xa vos contamos que este ano os rapaces e rapazas de 3ºB escenificaron "O LOBISHOME", de Paula Carballeira.Puxémonos en contacto con ela pero foille imposible. Ela mandounos varios correos electrónicos desexándolles boa sorte e incluso un ramo de flores que presidiu o escenario.Non estaba presente físicamente pero no ambiente era como se estivera con nós.
Hoxe mandounos unha carta moi especial que queremos compartir con todos vos

CARTA ÁS ALUMNAS E AOS ALUMNOS DE 3ºB

Houbo unha noite na que imaxinei unha historia. Quería que esa historia tivese vida, vida de verdade, máis alá do papel, por iso a contei nunha obra de teatro. Pero o teatro, se ninguén lle fai caso, queda pechado nos libros e pode morrer alí de aburrimento. Cando alguén coma vós decide que os personaxes teñan cara, teñan corpo, e que haxa un público que se divirta, que ría e teña medo, é toda unha alegría. Eu estou alegre, tanto, que querería saltar ata as nubes, bailar e cantar a pleno pulmón (aínda que canto fatal e pode chover moito despois). Querería darvos as grazas, apretarvos as mans e dicirvos que son a vosa amiga para sempre. Algún día irei visitarvos, mentres, envíovos esta carta e a promesa de amizade eterna, que vén sendo así:

Prometo ser amiga para sempre
prometo que nada fará que me arrepinta
prometo que se vides visitarme
sempre terei a casa limpa
prometo facer unha empanada
e un pastel e unha torta
para que vexades que o digo de verdade
e chuchedes os dedos
e me convidedes axiña
á clase de 3ºB
que xa é amiga miña.

Moitos bicos, apertas e achuchóns
Paula

REMATAMOS A IV MOSTRA DE TEATRO






Hoxe rematamos a mostra de teatro deste ano. Como dicían na despedida xa pasaron os nervios, pero mereceron a pena.

Durante estos días o teatro encheunos de soños, de maxia, de palabras, de vivencias e de risas,
tanto aos espectadores como aos protagonistas das obras.

Non vos esquenzades que na biblioteca temos libros de teatro que tamén merecen ser lidos.

4/6/09

CONTINUAMOS CO TEATRO

Hoxe continuamos coa Mostra de Teatro no colexio!!!



Pequenos actores e actrices "dan vida" a personaxes
como verdadeiros profesionais da escea!!

E presidindo o escenario o ramo que enviou Paula Carballeira para os de 3º B por representar a súa obra "O Lobishome". Estabamos esperando a súa visita pero ao final, por cuestións de traballo, non nos puido acompanar pero quixo estar presente nas flores e nos correos que nos enviou dando ánimos .

Grazas Paula!!! Esperámoste o vindeiro curso!!!



Mañá continuaremos
con outras representacións
xa vos iremos informando…

QUE CONTINÚE O ESPECTÁCULO!!!

3/6/09

IV MOSTRA DE TEATRO

Un ano máis tócalle o turno ao teatro.Sabemos que o teatro potencia a creatividade,e é ,sen dúbida, unha actividade moi necesaria .Con esta mostra os alumnos e alumnas ven o seu obxetivo acadado: os seus sonos feitos realidade.
Cremos que grazas ao Teatro son capaces de coñecerse máis, vólcarse no traballo grupal, onde a cooperación e a solidaridade intensifícanse, aprenden a respetarse, a buscar solucións se hai algún conflicto, algunha dúbida ou medo.Incluso son capaces de crear a súa propia obra de teatro como foi o caso de 6ºA.

Noraboa aos participantes e felicidades ás respectivas profesoras e profesores por este acto tan máxico que nos regalaron.


1/6/09

CHEGOU XUÑO






Empezamos xuño con moita calor e esperemos que este bo tempo continúe para poder celebrar a festa do Corpus en Ponteareas e o San Xoán.

O curso de 6ºA ilustrou este mes con este bonito refrán adicado a Ponteareas e a Parada.

O Corpus en Ponteareas

as fogatas de San Xoán

e o 29 San Pedro en Parada

habemos de festexar.