31/10/09

REQUISITOS PARA SER BRUXA




A VER SE SODES CAPACES DE APRENDER DE MEMORIA

ESTE SIMPÁTICO RECITADO


PARA SER BRUXA TERRIBLE
(ADAPTACIÓN do poema de Carmen Gil, www.poemitas. com)


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible
( poñer voz misteriosa)


Ser unha bruxa malvada

e nunca lavarse a cara.


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


É ser perversa e malvada
odiar moito a calquera fada
por ridícula e empalagosa,
sempre vestida de rosa!


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


Ter o naris encarnado
longo e cunha gran verruga.

e ser máis fea que Picio,
pois o precisa o oficio!!


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


Ter fétido o alento,
moi negra a dentadura
e levar cuberto o corpo

cunha gran túnica escura.


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


Ter un sorriso horroroso,
a pel áspera e verdosa,
cara de astuta e bribona
e os pelos coma os da fregona.


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


Non moverse nunca a pé
sacarse pronto o carné
viaxar a todas horas
en vasoiras voadoras.


Para ser bruxa terrible
requisito imprescindible,
ible, ible, ible,ible


Importante o capirucho
con forma de cucurucho
e por cara de enfadada
para parecer moi mala.

E xa para rematar
requisito imprescindible será?
pasalo estupendamente
chinchando moito á xente!!!


MEIGAS FORA!!!

29/10/09

EXPOSICIÓN DE CABAZAS SECAS




Estimadas familias :


Queremos felicitarvos por ter colaborado con nós, na realización da fermosa exposición artística de cabazas secas .

A marabillosa transformación que fixestes delas , dá idea da vosa gran habilidade e imaxinación .

O obxectivo de animar á reutilización de materiais ao noso alumnado, cremos que está conseguido, grazas á vosa axuda.

Para poderdes disfrutar dela, invitámosvos a visitala no corredor da planta baixa do noso colexio todos os martes de 16:00 a 18:00 hs.

Continuaremos ao longo do curso dando a coñecer usos tradicionais, refráns, cantigas e ditos sobre as cabazas, remedios, receitas,…para acadar o 2º obxectivo que nos propuxemos : valorar o noso patrimonio.

O próximo día 31 de outubro na Praza Maior de Ponteareas estará esta exposición acompañando a presentación do nº 5 da Revista Oral, organizada pola asociación cultural “Bagaña da Remelisca”, coa que xa colaboramos o curso pasado. Nela falarase do uso tradicional das cabazas secas no noso entorno.


MOITAS GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN







EXPOSICIÓN DE FROITOS DE OUTONO





CANTOS FROITOS SECOS E CARNOSOS DESTE TEMPO DE OUTONO TIVEMOS NA EXPOSICIÓN!

Todos os anos atopámonos
con algunha sorpresa...
Este ano foi un froito moi curioso
que lle chaman “CARAMBOLAS” .

É unha boliña de cor laranxa
que está agochadiña dentro
dunhas follas secas que a tapan.
O seu sabor é algo ácido
pero sabe moi ben!!

28/10/09

O SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Esta semana estamos celebramos no cole o Samaín , época na que bruxas, e fadas, magos, trasgos, pantasmas, monstruos, vampiros e outras criaturas fantásticas saen dos contos para darnos algún pequeno susto.
Na biblioteca puidemos disfrutar da exposición de libros habitados por ese tipo de seres.
Celebrámolo tamén contando e lendo historias e relatos de medo que escribíchedes algúns de vós para o certame.
Luz apagada e iluminación de cabazas, gorros de bruxas, pantasmas…A música de ambiente axudaba tamén, facendo incluso máis verosímil os relatos.


Pasámolo de medooooo!!!


26/10/09

CELEBRANDO O MES DAS BIBLIOTECAS


Como xa vos informamos este mes de outubro está considerado como mes Internacional das Bibliotecas Escolares. O noso Cole non quere deixar pasar este asunto por alto, así que aproveitamos este mes para promover actividades para dar a coñecer mellor a nosa Biblioteca e o seu funcionamento.

Actividades referidas á dinámica xeral da Biblioteca

- Coñecer o espazo da Biblioteca, saber donde está cada cosa.

- Coñecer a organización das estanterías, a colocación dos libros por cores, os libros de consulta, as revistas,...

Actividades referidas ao sistema de organización:

- Localizar os libros: Explícase que se pode atopar un libro axeitado a súa idade mirando a cor do gomette.


- Xogo de rol: O bibliotecario/a está enfermo/a e temos que sustituilo. Repartímoslle libros entre os alumnos/as para que os coloquen según as idades no seu sitio.


Outras actividades que puxemos en marcha este mes foron a “Hora de Ler” e as mochilas viaxeiras. Tamén fixemos medrar unha árbore coas follas aportadas por todos. Nestas follas fixemos unha reflexión sobre o que era para cada un a lectura, “Ler para min é…”

Deixámosvos unha mostra fotográfica destas actividades.







25/10/09

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS



Durante este fin de semana asistimos ás “Xornadas de bibliotecas escolares”, baixo o lema "Novas lecturas, novos lectores" . Houbo diversas conferencias que foron retransmitidas en directo dende o blog da asesoría.

Daniel Cassany :"Como axudar a aprender a ler aos nativos dixitais"
Luis Iza Dorronsoro : " Plan lector de centro"
Guadalupe Jover: "Escola e literatura: A educación do Imaxinario"
Tiscar Lara: "Alfabetizar na cultura dixital"
Glória Durban : "A biblioteca escolar, un recurso educativo útil: o desenvolvemento de entornos presencias de aprendizaxe e lectura"

Varias compañeiras doutros centros contáronnos as súas experiencias sobre a Hora de ler, os Proxectos lectores ou os Clubs de lectura.

Se queredes saber máis tedes unha ampla reportaxe do desenvolvemento destas xornadas no Segrel do Penedo.Unha vez máis Loly supérase con esta crónica tan completa.

A gran sorpresa no remate destas xornadas chegou da man do actor, autor e director galego Carlos Blanco que nos ofreceu un fin de festa único e cheo de humor.

Tivemos un programa de gran calidade, pero tamén é moi agradable atoparse con xente coa que só nos coñecemos de xeito virtual e poder poñerlles cara, como foi o caso de Cova, e intercambiar saúdos e experiencias tamén cos xa coñecidos.


15/10/09

BIBLIOTECA ESCOLAR, ESPAZO DE LECTURAS





OUTUBRO, É O MES DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


Este ano Miguelanxo Prado foi o encargado de deseñar o cartel para conmemorar este mes.

Presenta a biblioteca escolar como unha porta pola que acceder a todo tipo de lecturas, como un espazo para achegarnos á "lectura de todo tipo de textos , en todo tipo de soporte , con todo tipo de finalidades", lecturas literarias, lecturas de gráficos, mapas..


No colexio intentaremos aproveitar este mes de outubro para lembrar a importancia da biblioteca como un importante centro de recursos.Por esta razón imos levar a cabo unha serie de actividades para dar a coñecela .


14/10/09

HISTORIAS DE MEDO NA BIBLIOTECA





Como ben sabedes xa falta pouco para a Noite de defuntos, tamén chamada Samaín ou Halloween. A nosa biblioteca empeza a prepararse para esas datas co certame de relatos de medo e coa exposición de libros cheos de meigas, pantasmas,magos, monstros e outras criaturas fantásticas. Libros para que vos animedes a ler durante estes días.


¡Animádevos a pasalo de medo!



OUTONO CREATIVO 2009


Estimadas familias:


Chegada a época de outono poñémonos en contacto con vós para que o noso alumnado coñeza de 1ª man, é dicir, a través do saber dos seus maiores, diferentes aspectos das nosas tradicións.

O froito elixido é A CABAZA SECA e pedimos a vosa axuda para lograr dous obxectivos:


Rememorar xuntos a utilidade que se lle daba hai tempo no noso entorno, a ese tipo de cabaza .

Potenciar a idea de que con imaxinación e poucos medios pódese crear, divertir e aprender a REUTILIZAR.


Por iso animámosvos a presentar CABAZAS SECAS (para evitar que apodrezan ) decoradas libremente, ou transformadas en “instrumentos musicais”, bonecas ou xoguetes ... aproveitando a forma que teñen.Algunhas xa empezaron a chegar como as que vedes na foto.


CON TODAS ELAS MONTAREMOS UNHA EXPOSICIÓN que esperamos teña tanto éxito, coma a do curso pasado, sobre bonecas e xoguetes de millo.


O prazo de entrega sería ata o 20 de outubro.


Moitas grazas pola vosa colaboración


10/10/09

2º CERTAME DE RELATOS DE MEDO

O certame de relatos de medo deste ano xa está convocado.




¡Animádevos a participar!

¡¡Pasarémolo de medooooo!!


7/10/09

RECICLANDO



Como xa ben sabemos o Colexio ten en marcha un programa de Concienciación Ambiental e de Reciclaxe, polo que se colocaron nas distintas dependencias e aulas do centro, unha serie de contenedores para a recollida selectiva de lixo.

Os membros do grupo AMA son os encargados de orientar aos seus compañeiros na hora do recreo sobre cómo reciclar axeitadamente e en qué contenedor teñen que depositar o brik do zumo, papel de aluminio... Así deste xeito, entre eles mesmos vanse concienciando da necesidade de separar os residuos.
Hoxe fannos chegar estas imaxes para que non vos confundades na selección:








¡Entre todos, podemos!


6/10/09

GARDIÁNS DO MEDIOAMBIENTE





Diapositiva 5
Tarda en marcharse este ano o verán pero a Natureza segue o seu camiño, as follas das árbores xa comezan a encher o patio e o traballo que desenvolvades será fundamental para mantelo limpo. Moi importante é tamén que saibades que @s vos@s respectiv@s titor@s eleborarán unha lista de voluntarios para ser de A.M.A.. Posteriormente faremos unha xuntanza e decidiremos as quendas de recreo para todo o equipo que formedes @s gardiáns do medioambiente.
Non esquecer os obxectivos que se plantexaban na anterior carta. Que todo sexa por millorar.
Por último dicirvos que deseñaremos un carnet personalizado para cada un de vós, traede unha foto pequena @s que desexedes.

Ata moi pronto!










CALENDARIO ILUSTRADO DE OUTUBRO




“Polo Pilar
buxainas a xogar”!!!.

Esta é a proposta que fai
o alumnado de Infantil
para o mes de outubro
na súa páxina do calendario.

Que vos parece?
Farémoslle caso...e
recuperamos este xogo
neste tempo de outono?

Ademais hai outro dito
moi coñecido,
que a ver si sabedes completar:
“Polo San Martiño
..............................!!!

3/10/09

POEMA PARA O OUTONO

Xa chegou o outono coas súas fermosas cores e perfumes. Vermello, amarelo, laranxa, marrón…son as cores coas que se visten as nosas árbores nesta estación.Baixo os nosos pés exténdese unha alfombra que cubre o chan e que vai acompañando os nosos pasos dunha música especial.

O outono é unha estación que inspirou a moitos escritores, pintores e músicos, polo que ten de nostalxia, de melancolía, de saudade... e, como exemplo, aquí tendes un poema.


VÉN ONDA NÓS O OUTONO


Vén onda nós o outono

dacabalo do aire;

nos camiños da fraga

os ourizos xa abren.

Síntoo chegar contento

da eterna viaxe

enredando entre as follas

estreando friaxe.


Ana Mª Fernández