22/11/07

PREVENIR A VIOLENCIA EDUCANDO NA IGUALDADE



Coidamos que unha das bases sobre as que se pode prever a violencia é a coeducación ou educación en e para a igualdade
de oportunidades.

Durante esta semana estivemos facendo distintas actividades, que nos axudaron a reflexionar sobre as situacións de desigualdade entre mulleres e homes, e as situacións de violencia contra as mulleres e as nenas .
  • Lectura de contos ou poemas relacionados co tema

  • Exposición de libros na biblioteca

  • Elaboración de carteis e exposición deles

  • Recolleita de noticias dos xornais , en internet...
Queremos aportar o noso gran de area para conseguir que as relacións entre homes e mulleres sexan máis respectuosas e pacíficas.

19/11/07

CONTOS NON SEXISTAS


Adela Turín publicou, xa fai varios anos, unha serie de libros onde toma partido "A favor das nenas" e presenta uns modelos de situacións e relacións distintos aos que nos podemos atopar na literatura infantil.


Hoxe propoñémosvos un dos seus contos "Una feliz catástrofe".Con este conto queremos que reflexionedes sobre a desigual distribución dos traballos entre os homes e mulleres.

Recomendámosvos a súa lectura tanto para nenos como para nenas, e por suposto para adultos.

Se queredes podedes escoitalo narrado pola propia autora .



15/11/07

25 de novembro:Contra a violencia de xénero

25 de novembro. Acabou a conta atrás.

Hoxe os BLOGS das BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA temos moito que dicir:
Neste día no que se celebra o Día Internacional da Non violencia contra as mulleres, queremos reflexionar sobre iso. E un xeito de facelo é a través dos contos, que nos contan historias de cada día, nas que se emprega a violencia contra as mulleres dunha maneira cotiá, moitas veces sen nos decatar.

Gustaríanos non ter que celebrar un día coma este.

Gustaríanos que nenos e nenas se relacionasen sen que a diferenza de sexo marcase nada importante.

Gustaríanos que homes e mulleres falasen, falasen e falasen para resolveren os seus desencontros, como lles obrigamos a facer na escola aos nenos e ás nenas.

Gustaríanos que cada quen soubese onde rematan os seus dereitos e onde comezan os da persoa que ten á súa beira.

Gustaríanos que ninguén usase a súa forza nin física, nin laboral, nin económica… contra as mulleres para conseguir os seus propósitos.

Gustaríanos que no vindeiro 25 de novembro homes e mulleres atopasen o entendemento e non ter que chorar máis vítimas.

Gustaríanos que os contos se fixesen realidade .

CEIP Quintela -Moaña

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES,
OS CENTROS DE ENSINO,
@S DOCENTES...
DICIMOS
NON Á VIOLENCIA!!!